• TRABALLAMOS BEN . TRABALLAMOS CON XEITO . RECICLAMOS. COMPARTIMOS TRABALLOS DE METEOROLOXÍA . FINALMENTE O NOSO PROXECTO ETWINNING OBTIVO O *** SELO EUROPEO DE CALIDADE E O SELO NACIONAL DE CALIDADE***
  • Desde esta bitácora pretendemos compartir algunhas das actividades que realizamos ou trataremos de realizar . Ademais intenta ser unha ferramenta de axuda para todos aqueles alumnos/as, pais/nais e profesores/as que desexen acceder a temas de información ( libros ,revistas , enlaces , recursos dixitais ,software educativo ...) sobre o traballo e os proxectos que desenvolvemos

    lunes, 21 de marzo de 2016

    Sobre ras , sapos e lesmas…De matemáticas e valores cívicos


    Como  o prometido é débeda  e dado que o último problema proposto no Blog por José, resolvémolo entre toda a clase, vouvos plantexar eu , como voso titor, este problemiña que ten algo de real , un pouco de conto e , se cadra , de lenda máis ou menos urbana .
    MÚSICA DE FONDO : " MIÑA TERRA GALEGA/1986/SINIESTRO TOTAL "

                PROBLEMIÑA DE MATEMÁTICAS

    Resulta que no lugar que hoxe ocupa o Polideportivo do Club do Mar de San Amaro había unha charca moi grande coñecida polo nome de A Ría , de cando en vez visitada polos que fomos veciños de Monte Alto e sobre todo dos que fomos moradores da Agra de San Amaro durante moitos anos. Parece ser que tempo antes fora un brazo de mar, o cal chegaba ata alí mesmo e de aí o nome.
    Pois ben, da marxe norte da Ría xurdía un carreiro empinado que ía dar a unhas fontiñas cun vello lavadoiro e outra charca máis pequena. Estoutra charca é o escenario para o noso problema.
    A charca estaba habitada por unha tribo de ras e sapos que mandaba unha vella ra , tan vella como lista e testuda  , chamábase Frogha . O feito que a xefa fora unha ra non era ben visto por algúns sapos (unha minoría deles, o grupo opositor) e tamén por algunhas ras que andaban sempre moi  alporizadas e que opinaban que os sapos tiñan máis nivel e que por tanto tiñan que mandar porque si.
     A lenda conta que  unha noite de verán achegouse á charca un exército de bichos de dimensións enormes . Alí estaban:
    1. Lesmas baballando ao fronte
    2. Píntegas con debuxos de guerra na súa pel
    3. Escornabois remexendo o ar cun barullo infernal
    4. Vagalumes alumeando a noite e converténdoa nun dia de pavorosa  luz
    5. Saltóns movéndose en zigzag como chuvia de frechas.
    Ameazaban con comer todo e expulsar a tribo de batracios alí existente.
    A xefa da tribo convocou unha xuntanza de urxencia  e explicoulles aos alí reunidos que para derrotar  a todo aquel exército  existían  uns  determinados velenos  . Pero que tiñan que saber o número exacto de cada bicho para preparar a cantidade exacta de veleno, senón non faría efecto. 
    O xefe do grupo de sapos opositores,  chamábase Napoleón , aínda que el quixera que a súa nai lle puxera de nome Augusto Cesar Era un sapo  bastante grande,  torpe ,  de carácter faltón  con fama inmerecida de chistoso , e fachendoso ata a náusea  ( había quen aseguraba que podía ser medio sapo e medio lesma dado as cantidades de baba que deixaba o seu paso). Pois ben, Napoleón  dixo que aquilo era unha parvada e que só a unha ra se lle podía ocorrer tal cousa. Os poucos seguidores sapos que tiña aplaudiron ese comentario “enxeñoso” axitando as engurras do pescozo e tamén o fixeron as ras da súa corda , moi alporizadas, e que asentiron movendo as súas delicadas ancas mentres berraban e repetían “Ai si , que é un gran sapo e sempre ten razón !!
     O resto, a inmensa maioría da asemblea da tribo das  ras e sapos  , fixo un respectuoso silencio cando Frogha, a xefa, seguiu  describindo o  complicadao escenario do conflito que se achegaba.  Falou con voz tranquila e firme. 
     -Se lles permitimos que entren na nosa charca non quedará nada útil, nada que pague  a pena  , nin comida para nós nin augas limpas para poder beber e nadar con liberdade .
     
    Sabemos que hai un total de 1290  bichos
    A metade deles son lesmas , saltóns e  vagalumes
    Deses,   2/5 son  lesmas
    Deses,   2/5  son   saltóns
    Deses,  1/5  son   vagalumes
    A outra metade son píntegas e escornabois .
    Deses, o 75 % son  píntegas
    e o resto son  escornabois
         Sabemos tamén cal é a proporción de veleno a usar , así:
    • para matar  30 lesmas   necesítanse   5 litros de veleno .
    • para matar    24 saltóns  necesítanse  4 litros de veleno .
    • para matar  36  vagalumes necesítanse  3  litros de veleno .
    • para matar  5     píntegas necesítase 1 litro de veleno .
    • para matar  6     escornabois  necesítase  1 litro de veleno .
                  
    Aplica o que coñezas sobre fraccións, porcentaxes e regras de tres para axudar a Frogha a derrotar ao  exército de bichos . Así terás que coñecer:
    ·        O número concreto de bichos de cada unha das especies 
    ( Redondea o resultado ás unidades )
    ·        A cantidade exacta de litros  de  veleno para cada especie. ( Redondea o resultado ás unidades )

    Conta a lenda que esta batalla puido ser gañada, que Frogha confirmou o seu  poder e seguiu gobernando con xustiza a tribo durante moitos anos e que chegaron a un acordo de convivencia  pacífica  con toda a bichería de San Amaro e Monte Alto
       A partir daquela batalla   sapos e ras sabían que  para os seus fillos e fillas , o mérito e o traballo  era o criterio fundamental para ser elixido xefe ou xefa da tribo  e que daba igual que foras  ra ou sapo , gordo ou fraco , grande ou pequeno , novo ou vello, cos ollos vermellos , marróns ou laranxas metalizados,  ser nado en Angola , en Berlín ou en Coirós de Abaixo , ser fillo ou filla de Xan ou de Pericán , ser amigo ou amiga de  fulano ou de mengano... 
          Tamén cóntase que  Napoleón  cambiou, cambiou e cambiou , e tanto cambiou no futuro,  que un día as ras e os sapos da súa corda , que en si non eran malos/as , máis que nada faltáballes un fervor , regaláronlle un trofeo  moi grande , moi grande , moi grande… E de ouro ! Para que puidera seguir facendo o que máis lle gustaba:  presumir  diante das  ras e os sapos . E as ras , as da súa corda , mesmo  as veces o chamaban  Augusto Cesar. 
         Tamén déronlle unha coroa de loureiro  cunhas floriñas , nun día  que orballaba de abondo , na Ría de San Amaro  .   Pero isto , xa é outra historia e excede, obviamente,  o contido do noso interesante  problemiña.


     Recargade as baterías que o martes …Volta á escola !

      Respostas a este problema  , en correo ao blog ou comentario á entrada    .
    Xa temos un acertante de todas as preguntas !         


    2 comentarios:

    1. Cantidade de bichos:
      Lesmas-258
      Saltóns-258
      Vagalumes-129
      Píntegas-484 aproximadamente
      Escornabois-161 aproximadamente

      Cantidade de veleno para cada especie:
      Lesmas-43 litros de veleno
      Saltóns-43 litros de veleno
      Vagalumes-11 litros de veleno aproximadamente
      Píntegas-97 litros de veleno aproximadamente
      Escornabois-27 litros de veleno aproximadamente

      ResponderEliminar
    2. Un problema de matemáticas muy instructivo dentro de un relato con valores educativos. Los personajes de Napoleón, Frogha y las ranas y sapos del grupo opositor
      me recuerdan mucho a unos personajes del libro “Rebelión en la granja “ de George Orwell . Criaturas que no es difícil encontrarlas en el mundo real y cercano tanto en 1945 como ahora.

      ResponderEliminar